A tempada de colleita de arandos xa está en marcha en Galicia

A produción de arandos consolídase en Galicia. Nesta terra e neste clima atopan as condicións axeitadas para lograr uns froitos de calidade excelente cultivados de xeito ecolóxico. Sábeno ben na Finca O Muíño de Cuíña, onde, grazas á compra de pequenas leiras, conseguiron xuntar unha hectárea a medida dedicada á produción de arandos e grosellas. Aquí estes días andan atarefados coa colleita.

«Normalmente a colleita comeza a mediados de xuño e no noso caso termina a finais de xullo. Os técnicos dixeron que ía ter arandos ata setembro, e non é así. Debe sentirse tan cómodo polo lugar onde está, polo terreo que ten e polo cultivo, que está encantado e, en canto sae o sol, ponse a madurar todo el», conta Eladio Cuíña, da Finca O Muíño de Cuíña.

Nesta plantación coidan todas as fases de produción, especialmente a colleita. «Hai que facelo á man un a un. Noutros sitios, por exemplo en Huelva, recólleno con máquinas, pero estrágase moito máis e tes que mandar a industria unha parte importante. Non é este caso, que é recollido á man un a un».

Con estes coidados apañan os arandos durante a tempada estival. Venden en fresco e tamén noutros formatos.

«Estamos facendo xa a polpa de arando, que é arando cocido con cero azucres engadidos, pero o produto estrela eu creo que vai ser o zume de arando, que é unha cousa fantasticamente boa».

Sexa en zume, en polpa ou tal e como sae da planta, o arando galego collido e envasado á man ten o recoñecemento dun amplo grupo de consumidores, que demandan produtos saudables e cultivados co máximo respecto á natureza.

Enlace a la noticia: G24.gal